>
biografía
Natural de terras rosalianas (Padrón, A Coruña). Comeza de nena a súa formación musical e as súas primeiras actuacións, no colexio Rosalía de Castro. Escribe contos e poesías e ós dezaoito, as súas primeiras cancións. Mentras estuda educación musical na Universidade de Santiago de Compostela aterriza no mundo poético e comprometido do compositor Xavier Mugardos. Xunto a el e a súa banda, na que permanecerá tres anos, grava o primeiro disco da súa carreira: O Sol que vai chegar (Mugardos- Zouma Records, 1999). A súa formación vocal é clásica e autodidacta no fado. Nestes anos, en Mugardos, xorden os primeiros contactos co mundo do jazz. É cantante invitada liderando un quinteto no Festival de Jazz Cidade de A Coruña (1997), interpretando temas de Duke Ellington. Sen embargo, é na bossa nova onde se sente máis cómoda. A lingua lusófona e a identificación co texto moldean a súa personalidade escénica. No 2001 aparece no mercado nacional o seu primeiro traballo en solitario: Carmen Dolores Oceánica (Clave Records). Un retrato intimista que da testimonio de tódalas súas influencias envoltas nun dramatismo intenso herdado das paixóns tópicas das arias de ópera que foron dándolle cor á súa xoven voz. Algunhas das xiras deste período son: Artistas en ruta (2001, Sgae); As nosas músicas (2002, Caixa Galicia); Barna-Sants (2004, Pastis-Barcelona), xunto coa promoción en programas da televisión de Galicia, Televisión española en Galicia en Galicia, radios nacionais, prensa, revistas especializadas... Nestes dous últimos anos abordou xunto ó cantautor da Fonsagrada Xoán Curiel un repertorio a dúas voces versionando ós grandes creadores brasileiros e portugueses máis actuais, e tamén temas que Xoán Curiel compón para este proxecto. Estiveron de xira por Galicia dentro dos circuítos da Deputación da Coruña. Actuaron na praza do Toural en Santiago de Compostela o Día Internacional da Música, na Sala Nasa na entrega dos premios Poeta en Lingua Galega e compartiron a estrea do libro de poemas Pornografía de Lupe Gómez. A Consellería de cultura e deporte conta coa súa voz para denunciar a violencia de xénero nun acto no CGAC e para a celebración do día da poesía no proxecto Rosalías, onde artistas galegas puxeron voz á obra de Rosalía. Colaborou coa bailarina Martha Franco en dous espectáculos: Zigana e Mirar Dentro, que se presentaron na Aula de Caixa Galicia e no Teatro Principal en Santiago de Compostela; tamén no Teatro Rosalía de A Coruña. Nesta etapa, rica en directos, vivirá cambios no xeito de sentir e transmitir coa súa voz. Decidiu aparcar a formación clásica e escoitarse máis coma comunicadora que coma instrumento vocal. En Febreiro deste ano (2006), conversa con Roberto Somoza, produtor artístico de Dora Maar 74 e comezan xuntos a dar forma ás composicións que conformarán o seu último traballo discográfico.
DoraMaar74
|
biografía
|
fotos
|
novas
|
contacto
|
descargas